Versogramas xa pode verse en FILMIN!
Logo do seu paso pola edición online en FILMIN do Maldito Festival de Videopoesía, Versogramas incorpórase ao catálogo da plataforma. A partir de agora, poderedes visionar o documental en calquera momento, de maneira gratuíta dentro da vosa subscrición ou ben alugándoo por 3,95€ se non estades subscritos. Nesta ocasión, a versión lingüística de Versogramas dispoñible en FILMIN é a versión en español con subtítulos, a mesma que escollera o festival.
Versogramas fai un percorrido emocional pola videopoesía internacional, da man de entrevistas con videopoetas referenciais, fragmentos das máis variadas e impactantes pezas, e unha exploración das temáticas cotiás que son motor da creación e que nos fan conectar coa videopoesía: o amor, a soidade, o desexo, a morte…
O documental Versogramas está dirixido por Belén Montero e codirixido por Juan Lesta, que formaron a produtora Esferobite e traballan baixo o nome artístico DSK. O festival de arte audiovisual contemporánea Intersección dedicoulles na súa pasada edición o Foco DSK: Belén Montero e Juan Lesta. Para coñecelos mellor, deixámosvos esta entrevista realizada en Tres en la carretera de Radio 3 por Isabel Ruiz Lara a raíz do foco en Intersección, na que fan un repaso aos seus 20 anos de traxectoria e os seus últimos proxectos.