PalabrapelículA, o videopoema promocional de VERSOGRAMAS realizado no contexto da residencia artística no MAC (A Coruña), proxectarase esta fin de semana no Festival dos Eidos (O Courel), que organiza a Fundación Uxío Novoneyra.
O Festival dos Eidos forma parte do proxecto europeo LitFest, unha iniciativa comprometida co ensino permanente a través da literatura. Nel tamén colaboran a Fondazione Alfonso Gatto (Salerno, Italia), o festival de poesía St. Clementin Litfest (St. Clementin, Francia) e a ONG Catching Lives! (Canterbury, Reino Unido).
Durante tres días, tres aldeas do Courel (Parada, Seoane e Ferrería) encheranse dunha variadísima programación na que terán cabida conferencias, teatro, recitais poéticos, roteiros, concertos, sesións vermú e proxeccións audiovisuais. O pase de PalabrapelículA terá lugar o domingo antes do fantástico documental Se dice poeta, de Sofía Castañón, que achega unha ollada de xénero ó panorama poético contemporáneo.
Convidámosvos compartir connosco unha fin de semana chea de natureza e cultura.