Wolf moon – Swoon

O título do videopoema desta semana semella homenaxear a sonora aliteración do coñecido verso de Uxío Novoneyra “os ollos no lombo do lobo”, correspondente ó poema “O lobo”. “Wolf moon” (lúa lobo) é unha colaboración entre catro recoñecidos creadores de videopoesía: o realizador belga Swoon, a poeta Erica Goss, a videopoeta Nic Sebastian e a cellista Kathy McTavish.

Videopoemasemana

Swoon (Marc  Neys), ten no seu haber unha produción de máis de 200 videopoemas, realizados en colaboración con outros autores. Erica Goss é poeta e responsable da columna “The Third Form” de Connotation Press, un magazine que explora periodicamente as novidades do panorama internacional da videopoesía. Nic Sebastian é coñecida pola súa actividade creadora baseada no remix e por prestar voz a moitos poemas. Kathy McTavish é cellista, compositora e artista multimedia, adoita presentar as súas composicións acompañadas de videocreación.

“Wolf Moon” é a primeira entrega de doce videopoemas compoñentes da serie “Twelve Moons”, sobre poemas de Erica Goss, con voz de Nic Sebastian, música de Kathy McTavish e edición de Swoon. Os poemas percorren un ano de lúas cheas, reflectindo a súa influencia oculta da lúa sobre a vida dunha persoa. Neste caso, o videopoema explora os conceptos de perda, destrucción e renacer. O texto incide nas dualidades derrota-esperanza e debilidade-forza. O ambiente sonoro profundamente inquietante complementa á perfección o estilo de imaxe, baseada nas veladuras, o borroso, o contraste entre a lentitude do xesto e a presenza abrupta do cristal roto e a pedra. Podedes botarlle un ollo á serie completa aquí: Atticus Review.