Back to Top
Versogramas no hexágono

Moita emoción nos deu vernos entre as letras de Poesía Hexágono, a nova publicación de Apiario. Antía Otero menciónanos no seu ensaio “Derivando na videopoesía, unha achega para a aula”. Graciñas mil!

Poesía Hexágono. Ollada e experiencia. Proposta e resposta nas aulas é unha colección de ensaios e reflexións de seis autorxs (Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Celso Fernández Sanmartín, Carlos Negro, Dores Tembrás e Antía Otero) sobre experiencias e maneiras de levar a poesía ás aulas. Prologados por Agustín Fernández Paz, expoñen dende ámbitos distintos as súas impresións sobre o feito poético e esbozan propostas para poñer en práctica coa rapazada. Derrubar os prexuízos cara á poesía, explorar as súas conexións con outros xéneros (o audiovisual, o graffiti, a ciencia…), elaborar novas maneiras de achegarse á palabra que sexan atractivas para o alumnado, transmitir a experiencia docente e compartir ferramentas son algúns dos obxectivos deste volume. O libro está enfocado á comunidade docente e a calquera interesado no traballo coa palabra.

No seu texto, Antía fai un interesante percorrido polas orixes e referentes da videopoesía, sinala o estado actual do xénero en Galicia e apunta varias maneiras de enfrontarse á creación dun videopoema mesmo sen empregar cámara, demorándose no proceso creativo. Anécdotas derivadas do seu traballo como mestra amosan a boa resposta do alumnado á poesía unha vez que a descobren como algo vivo, creativo, dentro de si.