The painter – Mark Rubbo

“The painter” é un poema de Dobby Gibson animado por Mark Rubbo. Ule a inverno e manteiga e viste reflexos de cores. Por iso o escollemos para celebrar convosco o Nadal.

Videopoemasemana

Un pintor decide deixar de pintar para sempre. Abandona a súa casa, foxe dun perigosamente inspirador recendo a pan que a muller prepara na cociña, e conduce baixo a neve a tanta velocidade como pode. No traxecto, evita obstinadamente reparar en canta beleza o rodea. Demórase na fuxida. Pretende mesmo escapar das imaxes eléctricas do soño. Cando volve a casa, o recendo, a calidez, a quietude das súas cousas máis queridas, arrólano. Mentres mira pola fiestra como desaparecen as marcas que deixou o coche sobre a neve, ata que non queda rastro do seu día. Ata que a intención de deixar de pintar para sempre se dilúe.

Trátase dun videopoema de grande sensibilidade, que conxuga animación 3D figurativa, animación 2D abstracta de cores e formas, animación de texto, recitado e música. Destaca o contraste entre o mundo en branco e negro e a explosión multiforme de cores que parece emanar do protagonista Unha bonita maneira de ilustrar como ven a realidade os ollos dun pintor. Quizais mesmo unha representación gráfica dos mecanismos da percepción: todo é incoloro, o que os nosos ollos interpretan como cor son variacións na intensidade e tono da luz. Somos nós quen coloreamos os reflexos.

“The painter” foi creado por Motionpoems, empresa norteamericana que pon en contacto escritorxs con realizadorxs para crear videopoemas. Realizados con intención divulgativa e como forma de publicitar o libro do que parten, publícanse periodicamente na súa web clasificados por temporadas.

Pola nosa parte, esta será a última entrega do 2015. Volveremos en xaneiro cargadas da mellor videopoesía!