Arquivos da etiqueta: worldpoetryday

Lanzamos pre-campaña

FELIZ DÍA MUNDIAL DA POESÍA!

Celebra o Día Mundial da Poesía connosco, participa na revolución da videopoesía.

versogramas poesía campaña crowdfunding

Neste día de celebración, de reivindicación, de lectura, de disfrute da poesía, queremos anunciarvos o lanzamento da nosa próxima campaña de crowdfunding. O documental Versogramas está a piques de facerse realidade, pero para iso necesita aínda un pequeno empurrón.

Premendo en versogramas.com/landing podes anotarte para seres o primeiro ou a primeira en descubrir sorpresas que estamos preparando. Deixando o teu email email, poderás reservar recompensas limitadas e recibir un aviso cando a campaña de crowdfunding estea activa.

Con Versogramas queremos compartir o emocionante mundo da videopoesía, o traballo de moitos e moitas videopoetas. Queremos amosar unha nova e atractiva forma de disfrutar da poesía. E sobre todo, queremos achegar a poesía a moitos máis públicos e promover a súa lectura (ou visionado, claro!) .

Se ti tamén compartes o noso obxectivo e queres formar parte deste proxecto, participa!

Feliz Día Mundial da Poesía

VG-diadapoesia

Para Versogramas, hoxe é un día especial. Hoxe celébrase en todo o mundo unha das nosas paixóns. A poesía é a voz da emoción, a linguaxe íntima das cousas, ese ‘click’ que prende na mirada cando escoitamos a música soterrada do mundo. Cremos que a poesía reside en todos nós, que todos podemos apreciala, e que non hai que terlle medo. Como di Fran Alonso, “a poesía non morde!”.

Un dos principais obxectivos que nos moveu a crear Versogramas foi o de divulgar e achegar a poesía ó público. Contribuír a que perda ese cliché de xénero aburrido, incomprensible, difícil, soso. Amosar que a poesía está ó alcance de todas, que pode divertir e emocionar, que pode facer rir e chorar, que pode, sobre todo, sorprender. A poesía ten o seu hábitat natural non só no libro, senón na oralidade, na fotografía, no vídeo. Nós escollemos o vídeo pola súa capacidade de abraiarnos.

Encantaríanos que ti, que les habitualmente, celebres connosco este día. E que ti, que sempre percibiches a poesía con desconfianza, descubras algún poema que acenda ese “click”. Por iso vos animamos a que compartades connosco poemas que vos gusten, fragmentos de versos ou videopoemas, nos comentarios a esta entrada ou vía as nosas redes sociais. Podemos empregar o hashtag #DíadapoesíaVG. Feliz día mundial da poesía!