Arquivos da etiqueta: videopoema

Saímos na prensa e comezamos rodaxe!!

Queremos compartir contigo moitas novidades: as últimas aparicións en prensa de Versogramas e… o comezo da rodaxe!!

rodaxe versogramas zigzag tvg prensa– No xornal galego Praza Pública entrevistaron a Belén Montero e Celia Parra sobre Versogramas e a campaña de crowdfunding.

– No ZigZag Diario, programa cultural da Televisión de Galicia, entrevistaron tamén a Juan Lesta arredor do proxecto.

rodaxe versogramas tvg praza Non te perdas o contido das entrevistas, hai moita info e curiosidades sobre Versogramas! Segue as nosas redes sociais para estar ao tanto das nosas últimas aparicións en prensa.

E por último, e non menos importante, COMEZAMOS XA A RODAR!!!

Mañá sábado 13 faremos as primeiras entrevistas do documental: a Marc Neys (Swoon), Kònic Thtr (Rosa Sánchez e Alain Baumann), Hernán Talavera e Eugeni Bonet. A rodaxe será na Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela)

O próximo luns 15 entrevistaremos a Miriam Reyes, Dionisio Cañas e Eduardo Yagüe tamén na Cidade da Cultura.

QUE NERVIOS!

Precisamente agora a túa axuda é fundamental. Por favor faite mecenas, comparte a ligazón con todos os teus amigos e amigas, e difunde a info para chegar o maior público posible. Só quedan 16 días!

El juicio adelantado – Víctor M Mozo & DSK

Hoxe o videopoema da semana é especial. Despois do seu recorrido por festivais, estreamos online en exclusiva “El juicio adelantado”, un videopoema documental dirixido por DSK (Belén Montero e Juan Lesta) sobre o poeta Víctor M Mozo.

juicio adelantado victor mozo dsk

“El juicio adelantado” foi proxectado na Mostra de Cinema Periférico S8 (A Coruña, 2015) e foi finalista a mellor película experimental nos premios CREA da Asociación de Realizadores e Directores de Galicia (Santiago de Compostela, 2016). Ademais, a súa premiere internacional realizouse na canle ACRE TV (Illinois, Chicago 2016), unha canle exclusivamente adicada á videoarte xurdida grazas á Andy Warhol Foundation for the Visual Arts.

“Un home, un lugar, unha decisión, a historia. Un poeta e a súa poesía. A autobiografía de Víctor M Mozo en clave de videopoesía a través das catro estacións. A película amosa a flora e fauna dos lugares conectados coa súa familia e o seu pasado”.

Así arrinca a presentación deste xuízo adiantado rodado por Juan Lesta e Belén Montero. A sensibilidade de ambos, xunto á música de David Rivas Domínguez, mergúllannos nun baile de sensacións, onde as reflexións sobre o tempo, a imaxe, a escrita, a lembranza, os soños, a paisaxe e a nenez flúen acompasados cos poemas de Víctor M Mozo. É o propio poeta quen aparece en escena personificando o efecto que nel causan as súas palabras, recitando e disertando sobre os seus textos. A coidadísima estética das imaxes e a suxerente banda sonora dotan ao videopoema dunha atmosfera delicada e sensorial.

Esta non é a primeira incursión de Belén Montero e Juan Lesta no xénero da videopoesía. Xuntos teñen elaborado videopoemas para outrxs poetas, encargos para museos e proxectos en colaboración. Un resumo dos seus traballos de videopoesía pode consultarse aquí. Actualmente están a cargo de Versogramas, o que será o primeiro documental no mundo sobre o panorama internacional da videopoesía.

dirección: DSK (Belén Montero & Juan Lesta)
guión orixinal / poesía: Víctor M Mozo // guión adaptado e produción: Belén Montero // imaxe: Juan Lesta // postprodución, animación: Juan Lesta // música orixinal: David Rivas Domínguez // postprodución de son: Son do Tagalem // unha produción de: Víctor M Mozo / Esferobite © 2015 // esferobite.com // victormmozo.es

Videopoe…que? Crofunding? Crowdfaunding?

A semana pasada presentamos a campaña de micromecenado de Versogramas na Linda Rama. Non puideches vir? Contámosche o que te perdiches: 

Para comezar, explicamos o significado de dous “palabros” que aínda sorprenden: videopoesía e crowdfunding. Videpoe…que? Crofundin? Crowdfaunding? Crowfunding? (Cri-cri…)

Quen coñecedes Versogramas ben sabedes que a videopoesía, ese novo-non tan novo xénero artístico, é un formato de expresión que traslada a atmosfera dun poema mediante a linguaxe audiovisual, mesturando imaxe, palabra e son, ao formato vídeo.

E o crowdfunding, esa palabra máis difícil de deletrear que supercalifragilísticoespialidoso, é un sistema de micromecenado. Significa literalmente financiamento (funding) da multitude (crowd). É un xeito de sacar adiante un proxecto grazas á achega previa de persoas interesadas, ben mediante donacións, ben mediante a adquisición previa do produto en si ou de recompensas relacionadas co mesmo. Coma os mecenas daquela, vaia.

Unha vez aclaramos conceptos co público asistente, na pantalla da ateigada Linda Rama proxectamos videopoemas, desgranamos detalles das recompensas, ensinamos o funcionamento de Verkami, e… ata fixemos unha conexión en directo!

crowdfunding versogramas videopoesia

Eduardo Yagüe, un dos videopoetas que entrevistaremos no documental, conectouse dende Estocolmo para saudar aos presentes, falar da súa concepción da videopoesía e animar a todo o mundo a participar neste primeiro documental do mundo sobre o xénero da videopoesía. Nas súas propias palabras, un proxecto necesario, ambicioso e precioso, que xa estaba tardando en aparecer! Gracias, Eduardo!

Así que xa sabes, para facerlle caso a Eduardo e apoiar Versogramas lembra que hai dúas maneiras ben fáciles:

1- Contribúe coa túa achega, se non o fixeches xa, para conseguir as orixinais recompensas que preparamos.

2- Comparte a ligazón vkm.is/versogramas entre o teu círculo de amizades. Canto máis difundamos o proxecto, a máis persoas poderemos chegar, e máis facilmente conseguiremos o obxectivo de financiamento.

Presentamos crowdfunding na Linda Rama

Este xoves 27 de abril ás 20:30h presentamos a campaña de crowdfunding de Versogramas na Linda Rama, unha libraría-cafetería especializada en poesía, situada no número 4 da rúa Porta de Aires (A Coruña)
linda rama

Convidámoste a coñecer polo miúdo a campaña de crowdfunding de Versogramas, o primeiro documental sobre o panorama internacional da videopoesía, producido por Esferobite.

Falaremos dos videopoetas que forman parte do documental, explicaremos con detalle as recompensas, repasaremos o funcionamento de Verkami, e contarémosche todos os detalles que queiras saber sobre o proxecto.

Ademais, faremos un pase de videopoemas. Poderás ver en primicia algúns dos videopoemas que formarán parte do documental!

Contigo estarán os directores e produtores de Esferobite, Juan Lesta e Belén Montero, e a produtora Celia Parra Díaz.

Agardamos contar coa túa presenza!
crowdfunding linda rama
Lembra que, se non podes asistir pero queres apoiar o proxecto igualmente, hai dúas cousas que podes facer:

1- Contribúe coa túa achega, se non o fixeches xa, para conseguir as orixinais recompensas que preparamos.

2- Comparte a ligazón vkm.is/versogramas entre o teu círculo de amizades. Canto máis difundamos o proxecto, a máis persoas poderemos chegar, e máis facilmente conseguiremos o obxectivo de financiamento.

Despois desta primeira semana de campaña, xa superamos o 30% de recadación! Mais aínda precisamos un grande impulso e toda a túa colaboración para facer Versogramas realidade.

Moitas grazas!