Arquivos da etiqueta: poetry

Presentamos crowdfunding na Linda Rama

Este xoves 27 de abril ás 20:30h presentamos a campaña de crowdfunding de Versogramas na Linda Rama, unha libraría-cafetería especializada en poesía, situada no número 4 da rúa Porta de Aires (A Coruña)
linda rama

Convidámoste a coñecer polo miúdo a campaña de crowdfunding de Versogramas, o primeiro documental sobre o panorama internacional da videopoesía, producido por Esferobite.

Falaremos dos videopoetas que forman parte do documental, explicaremos con detalle as recompensas, repasaremos o funcionamento de Verkami, e contarémosche todos os detalles que queiras saber sobre o proxecto.

Ademais, faremos un pase de videopoemas. Poderás ver en primicia algúns dos videopoemas que formarán parte do documental!

Contigo estarán os directores e produtores de Esferobite, Juan Lesta e Belén Montero, e a produtora Celia Parra Díaz.

Agardamos contar coa túa presenza!
crowdfunding linda rama
Lembra que, se non podes asistir pero queres apoiar o proxecto igualmente, hai dúas cousas que podes facer:

1- Contribúe coa túa achega, se non o fixeches xa, para conseguir as orixinais recompensas que preparamos.

2- Comparte a ligazón vkm.is/versogramas entre o teu círculo de amizades. Canto máis difundamos o proxecto, a máis persoas poderemos chegar, e máis facilmente conseguiremos o obxectivo de financiamento.

Despois desta primeira semana de campaña, xa superamos o 30% de recadación! Mais aínda precisamos un grande impulso e toda a túa colaboración para facer Versogramas realidade.

Moitas grazas!

Lanzamos pre-campaña

FELIZ DÍA MUNDIAL DA POESÍA!

Celebra o Día Mundial da Poesía connosco, participa na revolución da videopoesía.

versogramas poesía campaña crowdfunding

Neste día de celebración, de reivindicación, de lectura, de disfrute da poesía, queremos anunciarvos o lanzamento da nosa próxima campaña de crowdfunding. O documental Versogramas está a piques de facerse realidade, pero para iso necesita aínda un pequeno empurrón.

Premendo en versogramas.com/landing podes anotarte para seres o primeiro ou a primeira en descubrir sorpresas que estamos preparando. Deixando o teu email email, poderás reservar recompensas limitadas e recibir un aviso cando a campaña de crowdfunding estea activa.

Con Versogramas queremos compartir o emocionante mundo da videopoesía, o traballo de moitos e moitas videopoetas. Queremos amosar unha nova e atractiva forma de disfrutar da poesía. E sobre todo, queremos achegar a poesía a moitos máis públicos e promover a súa lectura (ou visionado, claro!) .

Se ti tamén compartes o noso obxectivo e queres formar parte deste proxecto, participa!

Dictionary Illustrations – Marie Craven

Dictionary Illustrations é un divertido e rítmico videopoema de Marie Craven.

Dictionary Illustrations Marie Craven

Unha rareza entre os habituais videopoemas en formato vídeo, este videopoema animado a partir de ilustracións de enciclopedia nútrese da estética gif. Resulta precisamente moi interesante esa mestura de fondo antigo e forma contemporánea: unha montaxe rítmica e picada, unha música sinxela baseada no loop, un xogo de tipografía recortada sobre fondo en movemento, un uso hipnótico do habitual estatismo dos debuxos cuxa función única é informar.

Dictionary Illustrations nace do xa desaparecido proxecto PoetryStorehouse, unha base de datos estadounidense de poemas, e audios recitados que animaba ó remix e uso libre, principalmente para crear videopoemas.

O poema de Sara Sloath é unha porta aberta á curiosidade: por que os diccionarios non teñen debuxo para os verbos, por que os trazos, por que é tan difícil definir a forma dunha folla… A voz do neno que recita transmite unha inocencia que, xunto co carácter minucioso da música, resalta o conxunto.

Dictionary Illustrations foi o gañador desta última edición do O’Bheal International Poetry-Film Competition.