Arquivos da etiqueta: poema

Día 1 – Estamos rodando!

Alá foi o día 1 de rodaxe de Versogramas, o primeiro documental sobre o panorama internacional da videopoesía.

Entrevistamos a Kònic, Rosa Sánchez e Alain Baumann, artistas especializados en creacións interactivas onde a palabra, a imaxe e o son xogan un papel fundamental en relación co espectador.

Dende Bélxica chegou Marc Neys, todo un referente na videopoesía internacional con case 300 videopoemas creados e unha enorme paixón polo seu traballo. Colabora con multitude de videopoetas, imparte obradoiros de videopoesía, é xurado de festivais do xénero e ten recibido el mesmo moitos recoñecementos.

día 1 swoon rodaxe versogramas

Hernán Talavera veu dende Albacete cargado de referencias e reflexións sobre o seu proceso creativo á hora de abordar un videopoema. Ás súas costas, unha longa e premiada traxectoria no xénero, que el aborda con ollos de pintor.

día 1 talavera versogramas

O último entrevistado do día foi Eugeni Bonet, o pai da videoarte española, unha peza viva da historia. Explicounos como traballa coa poesía nas súas pezas.

día 1 bonet versogramas

Aínda quedan por diante máis días de rodaxe, e seguimos necesitando todo o voso apoio. Como sabedes, aínda temos que asegurar unha parte do financiamento!

Precisamos da vosa colaboración para chegar ao obxectivo de crowdfunding. Empregaremos o recadado en sufragar gastos de rodaxe, traducir e subtitular o documental, etalonar a peza con todo o coidado que precisa, e facer as copias necesarias para a súa distribución. Para axudarnos:

Facede a vosa achega en vkm.is/versogramas

Compartide a ligazón vkm.is/versogramas entre os vosos contactos

– Se tedes amigos en prensa, faládelles de Versogramas. Se tedes amigos en centros culturais ou bibliotecas, faládelles de Versogramas. Se tedes amigos no mundo educativo, faládelles de Versogramas. Se tedes amigos na televisión, faládelles de Versogramas.

Precisamos difundir a palabra para que Versogramas chegue ás vosas pantallas!!

Dictionary Illustrations – Marie Craven

Dictionary Illustrations é un divertido e rítmico videopoema de Marie Craven.

Dictionary Illustrations Marie Craven

Unha rareza entre os habituais videopoemas en formato vídeo, este videopoema animado a partir de ilustracións de enciclopedia nútrese da estética gif. Resulta precisamente moi interesante esa mestura de fondo antigo e forma contemporánea: unha montaxe rítmica e picada, unha música sinxela baseada no loop, un xogo de tipografía recortada sobre fondo en movemento, un uso hipnótico do habitual estatismo dos debuxos cuxa función única é informar.

Dictionary Illustrations nace do xa desaparecido proxecto PoetryStorehouse, unha base de datos estadounidense de poemas, e audios recitados que animaba ó remix e uso libre, principalmente para crear videopoemas.

O poema de Sara Sloath é unha porta aberta á curiosidade: por que os diccionarios non teñen debuxo para os verbos, por que os trazos, por que é tan difícil definir a forma dunha folla… A voz do neno que recita transmite unha inocencia que, xunto co carácter minucioso da música, resalta o conxunto.

Dictionary Illustrations foi o gañador desta última edición do O’Bheal International Poetry-Film Competition.