Qué es el amor – Eduardo Yagüe

Eduardo Yagüe indaga na esencia das relacións no seu videopoema “Qué es el amor ”.

amor eduardo yagüe

“Qué es el amor” é un poema de Lucy English, traducido e recitado por Eduardo Yagüe. El mesmo asume a dirección do videopoema. Como actor protagonista, Steffan Carlson.

Que é o amor, pregunta o poema. As definicións do sentimento van narrando a progresión dunha relación de parella: o inicio, a descuberta, o fogar, a familia, o paso do tempo, a vellez, a vida compartida, a memoria. Non son definicións calquera, senón reconstruccións poéticas dun vínculo irrompible.

A contraposición do poema co vídeo non pode ser máis desoladora, e por tanto efectiva. Na mente elabórase quizais estoutra historia paralela: un dos protagonistas do poema, xa ancián, só nunha casa grande e baleira, intenta pasar o tempo mentres recorda, dende a máis absoluta soidade e a tristeza, aqueles momentos nos que eles “nunca, xamais, sentiron a soidade”.

Eduardo Yagüe estudou Arte Dramático e Filoloxía Hispánica, traballou como actor de teatro e cine e escribe dende ben novo. Os seus videopoemas caracterízanse precisamente polo protagonismo dos actores, e polo uso de textos xeralmente breves e de intenso contido emocional. Os seus traballos e colaboracións proxectáronse en festivais e mostras de videopoesía e videoarte en España, Holanda, Bélxica, Estados Unidos, Alemaña, Australia, Canadá, Grecia e Portugal.