Polifemi – Elena Chiesa

Descubrimos con Elena Chiesa o uso de técnicas de animación na videopoesía.

elenachiesa gal

Elena Chiesa é unha videoartista e directora de arte italiana. Actualmente directora artística e fundadora do grupo de deseño gráfico VastaVista, ten traballado como directora de arte e deseñadora de motion graphics.

O seu traballo caracterízase polo uso dunha técnica que ela mesma denominou “virtual painting” ou “melting pixels” (pintura virtual, píxeles fundidos). Estas animacións son o resultado de metamorfoses de fotogramas traballados un a un e fundidos coma a pintura ó óleo. A suma de moitas transformacións é a que crea ese fluido tan peculiar.

Como ela mesma explica: “Escoitar poesía, coma un mantra ou unha canción, sempre provoca que a nosa mente elabore un fluido de imaxes. Estimula a creación de visións que as palabras e os sons proxectan na nosa mente e memoria. O que intento producir é ese fluxo, o meu fluxo persoal.”

Polifemi é un videopoema feito a partir de palabras que describen as relacións humanas que emerxen dun bico. “Cando nos bicamos e, mentres o facemos, abrimos os ollos – describe Elena – acabamos vendo estrañas imaxes caleidoscópicas feitas de ollos mesturados con pensamentos. O que intento expresar neste videopoema son eses pensamentos, a liña que a nosa mente percorre cando coñece a identidade do Outro”.