Todas as mulleres que fun – As Candongas do Quirombo

Comezamos o ano cun precioso videopoema do colectivo galego “As Candongas do Quirombo”, formado pola poeta Andrea Nunes e a realizadora Raquel Rei: “Todas as mulleres que fun”.

Videopoemasemana

É este un videopoema heteroxéneo, de ritmo áxil, que mestura diversas técnicas e materiais: animación, imaxe de arquivo, texto sobreimpreso, fotografía, unha certa estética do loop… Como en moitos textos de Andrea Nunes, a presenza do corpo case como suxeito poético é máis que palpable. Trátase da expresión dun sentimento amoroso que atravesa distancias e é atravesado pola historia, entre a paixón e a dor polo afastamento. Un amor multilingüe, ubicuo, combatente, libre. Pero “Todas as mulleres que fun” non só fala dos afectos entre persoas, senón que se trasluce tamén un amor pola sonoridade da lingua e a riqueza do léxico. Pódense xa que logo sinalar como preocupacións temáticas centrais do videopoema a social, a amorosa e a metalingüística.

Resulta especialmente suxerente o tratamento sonoro do recitado: un poema que se desdobra en dúas voces, as de Andrea Nunes e Carol Bret, constantemente a perseguirse e alcanzarse. A música sostén moi ben o fluir das voces e das imaxes, aportando ritmo ó conxunto.