Back to Top
Journey up the Amazon – Martha McCollough

Emprendemos con Journey up the Amazon de Martha McCollough unha viaxe ó “Amazonas” do consumismo.

O videopoema emprega a animación para dar vida a unha especie de collage onde se mesturan recortes de imaxes, texto en pantalla e debuxos, cunha estética vintage e contemporánea ó mesmo tempo. Distínguense varias capas de contidos que se superpoñen para completar o conxunto. Varias voces mecánicas besbexan palabras como contrapunto ó poema recitado. Textos en pantalla ofrecen outros significados engadidos á voz en off. E unha atmosfera sonora con toques de jazz experimental dálle coherencia á totalidade.

O poema explora o tema do consumismo. O mundo é un paraíso da modernidade onde se pode mercar de todo, dende as cousas máis extravagantes e superfluas (bigotes postizos, unha máscara de cabalo, letras magnéticas, caramelos, calcomanías de insectos) ata un vestido para curar a tristeza causada pola perda. A modernidade recibida no Kindl a golpe de click. Incluso flores de cinco estrelas para salvar as nosas mentes, o marketing engulindo a inocente beleza das flores.