Je tourne mon visage vers vous – Veronique Sapin

“O meu nome é Ser Humano. Teño o dereito a decidir todo na miña vida, xusto coma ti, simplemente porque é o normal. Non?” Con esta desafiante pregunta introduce a artista multimedia e comisaria Véronique Sapin o seu videopoema “Je tourne mon visage vers vous” (Volvo o meu rostro cara a ti).

Je tourne mon visage vers vous - Veronique Sapin

“Volvo o meu rostro cara a ti. Non hai motivo para desconfiar de ti, porque es un ser humano coma min.” En palabras de Véronique Sapin:

“Así é como imaxinamos o que sería a forma máis elevada de relacións entre seres humanos. Mais estamos lonxe dese ideal. Escollín falar sobre un deses actos que levan á humanidade á regresión cara á animalidade: os ataques con ácido. Este é un crime cunha acusada marca de xénero. Mulleres e nenas son vítimas nun 75-80% dos casos. Un 30% das vítimas femininas son menores de 18 anos. Rexístranse 1.500 casos arredor do mundo cada ano. Pero o máis común é que permanezan sen denunciar, na súa maioría. Moitas vítimas teñen medo de denuncialo á policía por teren pavor ás represalias. Os ataques con ácido están aumentando”.

Algo tan sinxelo como volver o rostro cara á persoa que nos fala, un xesto tinguido dun branco sobreexposto que simboliza a inocencia, é a base deste videopoema tripartito. O texto inicial, unha declaración igualitaria de dereitos e realidades (“O meu nome é ser humano”), desplázase baixo a figura feminina do fondo. O nó é unha sucesión dos efectos do ácido sobre a pel. Mais ó final, o mesmo texto do inicio transfórmase (“O meu nome é Muller”) sinalando exemplos concretos de mulleres, relatos da experiencia terrorífica de sufriren un ataque con ácido. A brutalidade desas palabras ocupa a pantalla e, coma na realidade, acaba erosionando por completo o rostro. Ata que non queda nada, un espazo vacío, negro.