Dictionary Illustrations – Marie Craven

Dictionary Illustrations é un divertido e rítmico videopoema de Marie Craven.

Dictionary Illustrations Marie Craven

Unha rareza entre os habituais videopoemas en formato vídeo, este videopoema animado a partir de ilustracións de enciclopedia nútrese da estética gif. Resulta precisamente moi interesante esa mestura de fondo antigo e forma contemporánea: unha montaxe rítmica e picada, unha música sinxela baseada no loop, un xogo de tipografía recortada sobre fondo en movemento, un uso hipnótico do habitual estatismo dos debuxos cuxa función única é informar.

Dictionary Illustrations nace do xa desaparecido proxecto PoetryStorehouse, unha base de datos estadounidense de poemas, e audios recitados que animaba ó remix e uso libre, principalmente para crear videopoemas.

O poema de Sara Sloath é unha porta aberta á curiosidade: por que os diccionarios non teñen debuxo para os verbos, por que os trazos, por que é tan difícil definir a forma dunha folla… A voz do neno que recita transmite unha inocencia que, xunto co carácter minucioso da música, resalta o conxunto.

Dictionary Illustrations foi o gañador desta última edición do O’Bheal International Poetry-Film Competition.

Qué es el amor – Eduardo Yagüe

Eduardo Yagüe indaga na esencia das relacións no seu videopoema “Qué es el amor ”.

amor eduardo yagüe

“Qué es el amor” é un poema de Lucy English, traducido e recitado por Eduardo Yagüe. El mesmo asume a dirección do videopoema. Como actor protagonista, Steffan Carlson.

Que é o amor, pregunta o poema. As definicións do sentimento van narrando a progresión dunha relación de parella: o inicio, a descuberta, o fogar, a familia, o paso do tempo, a vellez, a vida compartida, a memoria. Non son definicións calquera, senón reconstruccións poéticas dun vínculo irrompible.

A contraposición do poema co vídeo non pode ser máis desoladora, e por tanto efectiva. Na mente elabórase quizais estoutra historia paralela: un dos protagonistas do poema, xa ancián, só nunha casa grande e baleira, intenta pasar o tempo mentres recorda, dende a máis absoluta soidade e a tristeza, aqueles momentos nos que eles “nunca, xamais, sentiron a soidade”.

Eduardo Yagüe estudou Arte Dramático e Filoloxía Hispánica, traballou como actor de teatro e cine e escribe dende ben novo. Os seus videopoemas caracterízanse precisamente polo protagonismo dos actores, e polo uso de textos xeralmente breves e de intenso contido emocional. Os seus traballos e colaboracións proxectáronse en festivais e mostras de videopoesía e videoarte en España, Holanda, Bélxica, Estados Unidos, Alemaña, Australia, Canadá, Grecia e Portugal.

Anomia – Mónica Ezquerra

Mónica Ezquerra é unha artista española que traballa a fotografía, o collage e a videoarte. En todas as súas creacións podemos apreciar un profundo pouso poético, ben subxacente, ben manifesto.

anomia mónica ezquerra

Se na serie de collages “Menagerie” Mónica diseccionaba e separaba artrópodos, en “Anomia” realiza unha labor de disección conceptual dos compoñentes dun poema. Esta peza de vídeo baséase na gravación orixinal de “Poema”, de Ulises Carrión (1977), unha letanía das categorías semánticas que conforman o esqueleto dun poema baleiro de todo significado pero exposto na súa estructura. Título. Texto. Estrofa. Verso. Palabra. En canto á imaxe, unha corrente de sinais en continuo fluxo, repeticións, duplicacións, un ensaio visual que recorda ás capas de sedimentación da terra. Como ela mesma describe:

“Sedimentos, coagulaciones, proyecciones que ejerce el lenguaje en yo.

Sus flujos, fluidos, corrientes de intensidades. Desmontaje.

Tras lo indeciso lábil del lenguaje palabra habla ¿quién queda?”

Sunny Side feedback

Voltamos a casa despois dunhas intensas xornadas de traballo no Sunny Side of the Doc (La Rochelle, Francia).

sunny side feedback

Juan Lesta no stand Docs From Spain

Foron días de reunións, debates, pitchings, cócteles, reunións, proxeccións, charlas e máis reunións. Resultou realmente interesante comprobar as dinámicas actuais do mercado audiovisual, e ver a incrible saúde da que goza a produción de documentais internacionalmente. Como resumo, presenciamos proxectos ambiciosos, de grande calidade técnica e artística, na súa maioría coproducións entre varios países.

sunny side feedback

Flyers de Versogramas

O máis salientable, decatarse do enorme apoio das televisións nacionais e internacionais ó documental: máis dun slot para documentais de diversa duración e temática, departamentos especializados, coprodución e adquisición habitual de contidos, mesmo unha búsqueda activa de proxectos, denotan o mimo co que se trata a estas producións. Todo isto, por suposto, contribúe á creación dun público que consume e demanda documentais, e por tanto xustifica a súa viabilidade.

Pola nosa parte, volvemos cunha cantidade inxente de información que procesar, moito para aprender, e moitos contactos interesantes cos que manter relación. Agardamos poder contarvos novidades pronto!