Fíos – Nenoescuro

Fíos, de Nenoescuro (Rafa Xaneiro) é unha aproximación visual e sonora á poesía de Luisa Villalta.

Fíos Nenoescuro

Nenoescuro é un proxecto de experimentación sonora e visual enraizado na procura dunha linguaxe híbrida entre os dous ámbitos, que se abre tamén ó campo literario (especialmente o poético) e se concreta na creación de pezas visuais, sonoras, concertos performáticos, proxeccións e visuais en directo.

Fíos é un traxe tecido a medida dos textos e poética de Luisa Villalta, muller clave na poesía galega dos 90. Este traballo foi realizado a proposta de Arturo Casas e Ana Romaní como parte da xornada “Xela Arias e Luisa Villalta: letras, interartes, proxectos na fin do século”, un evento realizado polo Consello da Cultura Galega en 2014.

O videopoema constrúe en tres partes unha elaborada e suxerente atmosfera que se nutre de palabra sobreimpresa en pantalla, recitado, ambientes sonoros e texturas visuais que remiten ó propio medio cinematográfico e á natureza. O eixo narrativo e visual son os fíos, ós que a imaxe alude constantemente en forma de diversas metáforas que enfatizan a interconexión de homes, seres e linguaxes. Os textos de Luisa Villalta reflexionan sobre identidade e comunidade e deixan ver as influencias da súa outra profesión e paixón: a música.