Back to Top
Feliz Día Mundial da Poesía

Para Versogramas, hoxe é un día especial. Hoxe celébrase en todo o mundo unha das nosas paixóns. A poesía é a voz da emoción, a linguaxe íntima das cousas, ese ‘click’ que prende na mirada cando escoitamos a música soterrada do mundo. Cremos que a poesía reside en todos nós, que todos podemos apreciala, e que non hai que terlle medo. Como di Fran Alonso, “a poesía non morde!”.

Un dos principais obxectivos que nos moveu a crear Versogramas foi o de divulgar e achegar a poesía ó público. Contribuír a que perda ese cliché de xénero aburrido, incomprensible, difícil, soso. Amosar que a poesía está ó alcance de todas, que pode divertir e emocionar, que pode facer rir e chorar, que pode, sobre todo, sorprender. A poesía ten o seu hábitat natural non só no libro, senón na oralidade, na fotografía, no vídeo. Nós escollemos o vídeo pola súa capacidade de abraiarnos.

Encantaríanos que ti, que les habitualmente, celebres connosco este día. E que ti, que sempre percibiches a poesía con desconfianza, descubras algún poema que acenda ese “click”. Por iso vos animamos a que compartades connosco poemas que vos gusten, fragmentos de versos ou videopoemas, nos comentarios a esta entrada ou vía as nosas redes sociais. Podemos empregar o hashtag #DíadapoesíaVG. Feliz día mundial da poesía!