CuerpoSMS – Kònic Thtr.

Kònic Thtr é un dueto formado por Rosa Sánchez e Alain Baumann, galega e francés afincados en Barcelona. Artistas multimedia pioneros na incorporación de tecnoloxía interactiva nos seus discursos, dúas décadas investigando, creando, formando e publicando avalan a súa traxectoria internacional.

Kònic CuerpoSMS

Os videopoemas CuerpoSMS pertencen á serie temática homónima, coa que Kònic reflexiona sobre como os novos gadgets tecnolóxicos condicionan e redefinen a nosa comunicación interpersoal. Estes dous autorretratos exploran como eles mesmos se representarían a través desta redefinición, amosan a descomposición da súa personalidade en emocións e partículas. Para iso, empregan linguaxes diferenciadas que tamén editan por separado: vídeo, imaxe 3D, voz tratada con sensores, unha atmosfera sonora gravada nunha performance en directo e manipulada posteriormente…

Puidemos entrevistar á parella durante o proceso de investigación do documental, e esto é o que nos contaba Rosa sobre CuerpoSMS: “Na miña performance traballo sobre a estraña sensación da acción que produce a distorsión do meu retrato, o fluir da información ten que ver coa auga, coas bágoas, como emocións que xorden e que non quero evitar pero tampouco explicar, por iso se manifestan como distorsións acuosas. Para min o concepto de distorsión desta nova forma de comunicarse pasa por un fluir licuoso”