Back to Top
The one about the bird – Melissa Diem

Hoxe exploramos “The one about the bird”, un videopoema de Melissa Diem que percorre a pel coma un besbexo eléctrico.

Melissa Diem é unha das voces máis recoñecidas do panorama internacional da videopoesía. Nacida en Nova Iorque, pero residente en Irlanda dende nena, Melissa é unha poeta multipremiada que conta con varias obras editadas. Ten exposto pezas de videoarte en varias galerías de Irlanda e os seus videopoemas foron seleccionados e proxectados en numerosos festivais internacionais. Como videopoeta, ten un perfil mixto entre poeta e realizadora, delegando habitualmente a produción de son en Colm Slattery.

Este é un dos videopoemas que colleitou máis éxito. Unha atmosfera contida, un recitado suxerente a media voz e un desfile de imaxes que representan vida, decrepitude, desexo e morte para acompañar un texto con moitas influencias cinematográficas. Nada mellor que as súas palabras para describilo:

“Un videopoema baseado no poema ‘The one about the bird’, escrito por Melissa Diem e filmado en Irlanda. Explora a atracción humana a feitos desagradables, a través do medio fílmico. Tamén a idea do desexo de parar e comezar de novo cando unha situación, unha experiencia, a humanidade mesma… semella terse corrompido tan horriblemente que xa non hai volta atrás, e nada pode ser desfeito.

Unha das influencias para o poema e as imaxes foi unha película en blanco e negro (fonte descoñecida) na que varios nenos lapidan un paxaro ferido ata a súa morte. Vin este fragmento de película cando era moi nova e as escenas, xunto a todo o que implicaban, resultáronme tan punzantes que xamais as esquecín. Entre outras influencias fílmicas sitúase a película ‘Don’t Look Now’, na que as imaxes emerxen fugazmente coma lembranzas reprimidas flotando dende a consciencia.”